Saturday 04 de May de 2024

Feijóo subliña o traballo que está a realizar a industria galega do conxelado por ampliar a súa gama de produtos incorporando a I+D+i ás liñas de procesado


Sinala que Congalsa é unha peza clave dun sector estratéxico para a economía de Galicia, formado por máis dun centenar de empresas que xeran 8.000 postos de traballo e acadan unha facturación global superior aos 2.100 millóns de euros

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o traballo que está a realizar a industria galega do conxelado por ampliar a súa gama de produtos incorporando a I+D+i ás liñas de procesado. Así o manifestou hoxe durante unha visita ás instalacións da empresa de precociñados conxelados de peixes e mariscos Congalsa, que é un exemplo, dixo, de como a industria que innova medra e evoluciona.

O mandatario galego sinalou que Congalsa é unha peza clave dun sector estratéxico para a economía de Galicia, formado por máis dun centenar de empresas que xeran 8.000 postos de traballo e acadan unha facturación global superior aos 2.100 millóns de euros. E é unha peza clave tamén, engadiu, para toda a comarca do Barbanza, posto que ao longo dos seus 25 anos de traxectoria se converteu nun importante axente dinamizador desta área litoral de Galicia e actualmente emprega 300 familias do concello da Pobra do Caramiñal e a súa contorna.

Feijóo apuntou que esta empresa produce 26.000 toneladas ao ano, o que representa máis da metade, o 52%, do total que se produce en España; factura actualmente 72 millóns de euros ao ano e distribúe os seus produtos en 25 países de todo o mundo. E remarcou que estes datos son resultado do esforzo que realiza por adaptar a súa liña de produción ás necesidades do consumidor.

Unha empresa que viva e dinámica
Precisou que mediante estritos controis de calidade e a aplicación da I+D+i, Congalsa é hoxe unha empresa que en lugar de estancarse, progresa e evoluciona adaptándose ás actuais demandas comerciais. E, á súa vez, é tamén unha empresa viva e dinámica, que busca incorporar os últimos avances tecnolóxicos aos procesos de transformación para ampliar a súa gama de produtos e ofrecer aos seus clientes un catálogo de venda máis ambicioso.

Parte corresponsable nos bos datos das exportacións
O titular da Xunta salientou o a súa actividade exportadora e precisou que os seus produtos, ben como marca propia ou con marca branca, están hoxe presentes nas cadeas de distribución europeas máis importantes. Deste xeito, considerouna unha parte corresponsable nos bos datos recollidos en Galicia e no conxunto de España en canto a vendas no exterior e a balanza comercial.

Nos sete primeiros meses do ano Galicia conseguiu superar nun 5,2% as vendas ao exterior rexistradas no 2014; e nun 2% o logrado no mesmo período de 2013, ano récord das exportacións galegas. E segundo os datos de xullo, estas operacións creceron un 12,3% con respecto ao mesmo mes de 2014, o que consolida a evolución ascendente que se está a rexistrar en 2015. Ademais, no que levamos de ano a nosa balanza comercial aumentou nun 19,1%, cun saldo positivo de preto de 1.960 millóns de euros.

Apoio da Xunta
Fronte estes datos, Feijóo quixo expresar o apoio do Goberno galego á industria transformadora á que, desde 2012 ata hoxe, a Xunta leva destinado máis de 100 millóns de euros para axudar á súa modernización e competitividade. E, no caso de Congalsa, indicou que foron 2,1 millóns de euros os que a Administración galega lle leva achegado desde 2008 para contribuír aos seus retos de futuro. “Imos seguir apoiando esta industria porque todas as industrias de transformación do sector primario son unha prioridade da Comunidade autónoma, tanto a conserveira como a láctea”, concluíu.